Obradoiro
A continuación iremos vendo a construción de pequenos instrumentos astronómicos que nos axudarán a comprender mellor a teoría relacionada coa Astronomía.
- Altura do Sol. Analizando a altura a que está o Sol sobre o horizonte podemos saber, por exemplo, a que hora estamos. Isto realmente é o fundamento dos reloxos de Sol, o cal veremos en outro apartado. Ademais podemos usar instrumentos sinxelos para sabermos non só a altura á que está o Sol sobre o horizonte se non tamén a que altura están outros astros; así, coma caso particular, poderiamos calcular a que altura está a Estrela Polar sobre o noso horizonte e, conseguintemente, saberiamos a que latitude estamos.
- Contador de Estrelas. Algunha vez puxécheste a contar estrelas? Aínda que o número de estrelas visibles a simple vista varía moito dun sitio a outro podemos contar incluso ata unhas tres ou catro mil estrelas !!
- Medindo o tamaño da Terra : o procedemento de Eratóstenes. Hai xa máis de 2200 anos o matemático, astrónomo e xeógrafo grego Eratóstenes foi quen de medir con asombrosa precisión o tamaño do noso planeta. Se queres seguir os seus pasos (ainda que dun xeito máis cómodo, sen ter que mandar a ninguén a percorrer unha longa distancia) non tes máis que entrar neste enlace e levar a cabo a experiencia proposta.
- Planisferio Estelar. O planisferio estelar sérvenos para representar, dunha forma aproximada, as principais constelacións que podemos observar na bóveda celeste. Como en cada latitude pódense observar diferentes constelacións ou, alomenos, as mesmas constelacións pero a diferentes alturas sobre o horizonte (para unha determinada data e hora), a construción dos planisferios deberá ter en conta estes feitos. É dicir, un planisferio construído para unha latitude de 90ºN non tería apenas utilidade á hora de predicir a situación das estrelas para unha latitude, por exemplo, de 35ºS.
- Reloxos Solares. Os reloxos solares permítennos coñecer, con relativa facilidade, a hora do día para un determinado lugar da Terra. A precisión na construción dos mesmos está directamente relacionada coa maior fiabilidade da hora representada, mais, pola contra, implicará unha serie de cálculos complexos que se alonxan moito do obxectivo que aquí nos propoñemos.
- Construción de Modelos Espaciais. Podémonos achegar ao coñecemento da historia da aeronaútica construindo algúns modelos de aeronaves e satélites, que podemos atopar de forma gratuíta por internet. Alguén se anima ?
- Modelos 3D. Aqueles que esteades interesados en analizar modelos en 3D de instrumentos astronómicos, naves espaciais (satélites incluídos) e mesmo astronautas podedes visitar esta páxina.