Medindo o tamaño da Terra : o procedemento de Eratóstenes
6.1 Exemplos prácticos: Sen saír de casa [1]
(Equinoccio de Primavera)
Imos comezar cun exemplo aplicado ao noso centro de estudos: o IES de Porto do Son.
- En primeiro lugar temos que coñecer as coordenadas xeográficas do lugar de observación, que neste exemplo concreto é o patio de entrada do instituto. Existen moitas páxinas en internet onde podedes atopar, de forma interactiva, cales son as coordenadas do lugar de observación. Neste caso utilizaremos a páxina da National Oceanic & Atmospheric Administration, en concreto a páxina NOAA Solar Calculator. [ Se queredes podedes consultar o apartado adicado aos enderezos de interese ]
- Para comezar entramos na páxina NOAA Solar Calculator e alí nos desprazamos co mapa interactivo ata a nosa localidade e observamos debaixo do mapa os datos relativos ao lugar de observación; neste exemplo en concreto : Latitude 42.731697823311954 (un valor positivo da Latitude indica Latitude Norte) e Lonxitude -8.990995287895203 (un valor negativo da Lonxitude indica Lonxitude Oeste).
- Debemos corrixir a Zona Horaria (Time Zone) para que indique "1". Asemade como queremos facer a práctica o día do equinoccio de primavera corriximos a data para que indique ese día. [1] [ver na figura correspondente máis abaixo]
- No apartado Cálculos básicos atoparedes como averiguar as datas dos equinoccios
Analizando os datos obtidos nesta páxina decatámonos de que o mediodía solar producirase ás 13h 43' e 21" [2]. Tendo en conta este valor o situamos nas casiñas correspondentes á hora local (Local Time) e automaticamente nos dirá a que altura estará o Sol sobre o horizonte (este valor aparece no apartado Az/El, e é o segundo valor que se mostra) [3].